Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Frades e Turismo de Galicia asinan un convenio para recuperar elementos etnográficos e mellorar a sinalización turística


 

Investiranse 50.000 euros en ampliar a sinalización turística intelixente, mellorar a sinalización e recuperar a fonte de Mesos, o muiño de Ponte Carballa e o sendeiro do muiño de Céltigos

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o presidente da Axencia Turismo de Galicia, Román Rodríguez González, veñen de asinar un convenio de colaboración para a recuperación de elementos etnográficos e sinalización turística do municipio. Un proxecto que suporá un investimento de 48.385,76 euros, dos que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, achegará o 65% (31.457,24 euros).

Roberto Rey explica que “Frades xa conta cunha plataforma dixital para poñer en valor os seus recursos turísticos pero agora é preciso ampliar os puntos de información á estrada AC-524, debido ao elevado tránsito que soporta esta estrada, e tamén mellorar a sinalización e poñer en valor o noso patrimonio etnográfico como son a fonte da contorna do lavadoiro de Mesos, o muíño da área recreativa de Ponte Carballa e o sendeiro e peche da parcela da área recreativa do muíño de Céltigos”.

Ademais, a través deste convenio, o Concello de Frades ampliará a sinalización turística intelixente existente no municipio, coa instalación dunha sinal intelixente con beacon no lugar do Vedral, na parroquia de Abellá. Trátase dun punto de información turística como o xa instalado na praza de Ponte Carreira e que agora chegará ao segundo núcleo de poboación máis importante do municipio. Finalmente, procederase á instalación de cinco tótems de benvida en diferentes estradas do municipio. Unhas actuacións que estarán executadas antes de que finalice o ano.

Destino intelixente

Esta achega de Turismo de Galicia complementa á concedida en 2017 por esta mesma axencia, que supuxo un investimento de 49.994,10 euros na promoción de Frades como destino turístico intelixente. A través dese convenio, o Concello de Frades dotouse de equipamentos de sinalización turística intelixente como: equipos de sinalización (sinais para orientación de vehículos e paneis de información turística) e sistemas de xestión e información ao turista (coa instalación dun sinal intelixente con sensores na Praza de Ponte Carreira e a instalación dun sistema de información turística).

Para achegar toda a información turística aos visitantes, o Concello de Frades implantou un servizo na nube (cloud computing) que funciona con calquera navegador web e que permite o seu uso con calquera dispositivo (ordenador, portátil, tablet e teléfono móbil). Así mesmo, o Concello de Frades instalou paneis de identificación de espazos naturais, con datos e características dos lugares, nas praias fluviais de A Presa (Ponte Carreira) e Os Pasos (Aiazo), así como nas áreas recreativas da Ponte Carballa (Abellá), O Muiño (Céltigos) e na piscina municipal de Papucín. Toda a información turística está accesible a través de códigos QR e chips NFC. Así mesmo, instaláronse 17 sinais de percorrido, en forma de frecha de aluminio, para orientación de vehículos e mellorouse a accesibilidade á praia fluvial de A Presa e na piscina municipal de Papucín mediante a construción de pasarelas de madeira.